<$BlogDateHeaderDate$>

Fume nos ollos

Onte, non importaba que brúxula quixeras usar en Santiago. Miraras para onde mirases, ante ti só podía aparecer unha columna de fume. Ata sete incendios diferentes, ben separados un do outro, cheguei a contar nun momento, cando algúns deles apenas acaba de iniciar o seu carnaval destructivo.

De pequeno, non entendía moi ben porque as guerras acababan cando o exército invasor se facía coa capital. ¿Abondaba logo con botar abaixo unha única cidade para que tódalas demais se rendisen, para que millóns de persoas claudicasen e sentisen como propia a derrota duns cantos miles? Ata que Don Pepe, profesor de historia do colexio, me explicou que a capital é moito máis ca iso, que aí é onde se reunen as principais forzas e núcleos de poder e de goberno. Se un país non é capaz de defender a súa capital , tampouco será capaz de defender ningún outro lugar.

Triste metáfora. Ver o lume non xa no Pedroso, senón no propio centro urbán, a escasos metros da Alameda ou da residencia do Presidente da Xunta, é un bo símbolo para retratar a derrota sufrida por Galicia ante as lapas. Galicia enteira convertida nunha cortina de fume coa que tapar a vergoña de que un ano máis, o lume se converta na nosa parca.

Tempo haberá de facer reproches e esixir responsabilidades a quen corresponda, agora toca tirar todos xuntos da mangueira. Pero vai sendo hora de desterrar o mito de que isto é inevitable e que a Galicia só lle queda o destino de quedar consumida como o mapa de Bonanza.



Canta tristeza O ceo chora cinza e a Lúa sangue, botádelle un vistazo se o fume volo permite.