<$BlogDateHeaderDate$>

Contra os días de furia

Nun artigo de Código Cero, falan das importantes innovacións que se produciron ó longo deste ano nun campo tan sensible para a ciencia e o desenvolvemento da personalidade humana como é o dos despertadores.

O artigo preséntanos por exemplo o espertador progresivo, "un artefacto que nos saca do sono como unha azafata de avión especialmente considerada (...) cunha luz ambiental que se vai acendendo paseniño e ceiba olores e sons de tipo relaxante". Iso de espertar por fases inventárono as nais hai moito tempo. Primeiro usan a violencia verbal para conseguir despegarche das sábanas. Máis tarde, a violencia física.

Outro dos cacharros é o Sleeptracker, un despertador que ten compaixón da "bela durminte" (ou roncante) de turno e que, nun xesto de amabilidade incalculable, decide non molestarche se estás nun sono profundo. Vamos, que se acojona. Por outro lado, o meu fai a mesma función. Só teño que deixalo apagado.

Máis curioso me parece o Clocky, puro darwinismo aplicado á tecnoloxía. O mal bicho desarrollou unhas rodas para escapar pola habitación tan pronto che saca dos brazos de Morfeo. mentres continúa emitindo o seu infernal pitido. Darwinismo, si, pero tampouco creo que lle sirva para aguantar máis de dous luns...


O artigo non di nada, sen embargo, do meu preferido. Hai algún tempo, o diario Marca ofertara un despertador acolchado en forma de balón. ¡Por fin podía probar sen medo as miñas dotes balonmanísticas tódalas mañáns! Ou iso pensaba eu. Vese que o acolchado non era moi resistente...