<$BlogDateHeaderDate$>

Os 4400

Hai tempo que a miña relación coa tele non é o que era, pero ás veces, parecemos querer rememorar idilios pasados. Son síntomas de reconciliación fugaces, pero esperanzadores. Acaba de pasar co estreo de “The 4400”, unha máis que agradable sopresa.


Para os que non tiverades a sorte de vela (algo normal cando unha cadea se pule unha serie en dous días …), o asunto comeza con 4400 persoas que baixan do ceo nunha especie de cometa (?). Toda esta xente desaparecera ó longo dos últimos anos (de 3 a 65, como os xogos de mesa) e volven agora sen lembrar nada do que lles pasou nin ter envellecido o máis mínimo (non, entre eles non está Walt Disney...). Desorientados, perdidos, nun mundo que seguíu xirando sen eles, descubren que agora posúen extrañas habilidades que p único que fan é complicar a súa reintegración.

Con esta base non sería nada difícil caer na simpleza e facer “outra producción de mutantes” (os paralelismos con “X-Men” son máis que obvios). E sen embargo posúe unha frescura e unha profundidade practicamente inédita dende os bós tempos de Expediente X. O nivel técnico é moi alto, pero o realmente cautivador é a verosimilitude do seu trasfondo social, plagado de veladas referencias políticas ó terrorismo e a obsesión pola seguridade.

É curioso como a (boa) ciencia ficción se pode convertir nunha magnífica ferramenta para reflexionar sobre o presente. Do mesmo xeito que o expresionismo alemán convertíu a “Nosferatu” nunha tenebrosa metáfora do nazismo, “The 4400” afonda no desarraigo da humanidade post-11S. Todos nós somos como estes "regresados", seres exiliados no noso propio mundo, un mundo que un bó día decidíu correr pola súa conta máis rápido que os nosos biorritmos. No fondo, non é nada novo nin extraño. Esta serie non é máis que a constatación do rebrote que a ciencia ficción experimenta dende hai algúns anos, o mellor síntoma de que en tempos de crise e angustia a imaxinación é a resposta.