<$BlogDateHeaderDate$>

Democracias e Cidadanía real

As democracias actuais aséntanse sobre a mentira da falsa representatividade.

Aceptado que o modelo asambleario é imposible de executar, chegamos ó consenso -un consenso imposto, por paradóxico que sone- de que o mellor sistema é a "cidadanía xerminal", regulada polo reloxio biolóxico das engranaxes democráticas.

Durante un certo número de anos, tódolos cidadáns permanecen nun estado de latencia, de hibernación, ata que un día debe xerminar, abrirse, e esparcir a súa semente ó vento.

Ese mínimo acto, repetido simultaneamento por un número moi considerable de plantas, permite que o ciclo siga funcionando ó perpetuar o código xénetico da chamada "vontade popular".

Na práctica, o sistema defende que cada individuo debe ceder a súa representatividade durante un tempo limitado a un órgano/individuo que el elixe persoalmente, de entre as múltiples opcións que o sistema lle ofrece (un sistema aparentemente plural).

Esa cesión non se realiza nun único proceso, pois para evitar a concentración de poder, establécense diferentes órganos de acción política, máis/menos centralizados e máis/menos cercano ó individuo (deputados, concelleiros, xefes sindicais, presidentes de autonomías...)


Pero este sistema susténtase sobre varias mentiras

En primeiro lugar, non é certo que no sistema actual haxa unha cesión de representatividade dos cidadáns cara os políticos. Non, o que hai realmente é unha transferencia de soberanía, unha renuncia ó poder individual. Todo pasa por min, pero eu, durante 4 anos, debo estar calado, pois xa expresei a miña vontade cando correspondía.

Certo, este cheque en branco posúe unha data de caducidade, pero este sistema implica unha renovación automática. O seu maior mecanismo de defensa é a implantación dun valor clave: a definición do sistema é intocable, pois é o mellor sistema posible.

Exemplo: en España, nada debe escapar da Constitución, pois esta define o mellor esquema de estado para o país. É un sistema conservador profundamente antirrevolucionario. A palabra CONSTITUCIÓN non é máis que un eufemismo. Tódolos órganos do sistema a usan para perpetuar o sistema que lles convén a eles.

É verdade que hai múltiples opcións, pero todas operan dentro de este sistema que se retroalimenta. Calquera proposta alternativa que intente escapar deses raíles é perseguido por ser considerado perverso.

En segundo lugar, a práctica da cidadanía (vinculada a democracia) é incompatible coa hibernación. Ningún individuo se pode considerar como tal se non pon en práctica, de xeito continuado, as súas liberdades e as súas obligacións.

Se só exercemos a nosa capacidade democrática cada catro anos, ese é o único momento no que existe Democracia. Se no noso traballo, na nosa familia, estamos nun grupo onde a única decisión que se nos permite tomar ¡cada 1500 días! é quen debe liderarnos dirámos que é democrático. Engadamos ademáis que, por riba, temos que elixir o noso "soberano temporal" en función do seu ideario, ó que nós temos que adaptarnos, pois non vai ser constrúido coa nosa participación.


Citaba un profesor meu de historia a un home sabio do que lamentablemente non recordo o nome. Dicía que a Democracia supera un referendum tódolos días, pois se os cidadáns non estivesen conformes co sistema, rebelaríanse tomando a rúa e derribando as institucións.

Esta sería a vía de escape, o saída de emerxencia en caso de que a raíz do sistema democrático se pervertirse. Sen embargo, isto é hoxe practicamente imposible por dous motivos:

1) ó longo dos anos, a expresión fáctica da "vontade popular", o Parlamento, configurouse como o único órgano capaz de representala. É aquí onde se ve con máis claridade que as democracias actuais se sustentan sobre a transferencia de soberanía e non sobre a representatividade temporal.

Durante a infame Guerra de Iraq, Aznar enfrontouse a vontade expresada por millóns de persoas. Sen embargo, seguindo adiante, o presidente do goberno exerceu un dereito lexítimo, pois contaba coa representativade do pobo español, expresado tres anos atrás nunhas eleccións que gañaron con maioría absoluta.

Pero ¿é isto así? ¿Que ocorre en calquera empresa, en calquera órgano social, en calquera consello de administración se un directivo, un portavoz, un representante, lexitimamente elixido, contradí a vontade do corpo social? É sustituido, sen mais, por moi legal que sexa o seu contrato. Para iso están as cláusulas de rescición e de indemnización.

¿Por que isto é inconcebible cando o levamos o terreo da Política Masiva?

Seguramente, polo 2º motivo:

2) As tecnoloxías da información e comunicación, combinadas coa expansión do sistema capitalista (dous procesos inseparables) que se desenvolveron en Occidente durante todo o s.XX -e parte do XIX- posibilitaron unha terrible paradoxa.

Por un lado, permiten unha democratización no acceso e na producción da información. É moi fácil acceder a unha cantidade inxente de datos, facilmente transformable en info. e transmutable máis tarde en coñecemento.

Sen embargo, por outro lado (e aquí está a paradoxa) tamén permitiron que sexan moi fácil crear grandes fluxos que actuan de enormes "railes imantados" polos que conducir a gran cantidade de xente, sen necesidade de darlle toda a información necesaria para que construan unha opinión critica.

A antítesis está polo tanto en que estamos no mellor momento para desenvolver unha actitude crítica e, ó mesmo tempo, nunca foi tan fácil manipular a grandes cantidades de persoas e canalizar grandes manifestacións segundo os nosos intereses. Todo depende do grao do activismo reflexivo e crítico de cada un, pero grandes grupos fácticos son capaces de levantar grandes mareas enarbolando bandeiras e conceptos que moitas veces están practicamente baleiros.

Creo que temos exemplos disto en practicamente tódalas folgas multitudinarias nas que se canaliza un gran descontento, pero onde a información real sobre o leitmotiv é escaso. ¿Cantos estudiantes que se manifestaron no 2001 coñecían o contido autentico da LOU? ¿Cantos dos pais que se manifestaron hai uns meses en contra da LOE sabían en que condición real quedaba a asignatura de relixión respecto da LOCE?

Os grandes grupos fácticos e de influencia son capaces de aproveitar o descontento xeral contra as institucións, cada vez máis desvinculadas da base social que necesita representantes, non soberanos.


Isto provoca que, por desgracia, o "sistema de emerxencia" da democracia, a vontade popular expresada a través das manifestacións, estea moi desprestixiado, ata o punto de non ser aceptado. Aznar chegou a dicir durante a crise de Iraq, "un presidente do goberno debe facer o que cre que debe facer, por moi impopular que sexa. Non facer o que a xente queira". ¿Como se pode entender iso se o presidente non é mais que un representante?

Sen embargo, hoxe en día, un político usa as manifestacións como apoio a súa estratexia electoral, sen ser consciente de que debe o seu posto a vontade popular que se esconde baixo o telón de fondo das pancartas.

¿Solucións? Quen as coñecera...

É moi dificil escapar a este pesadelo cíclico, a esta pescada que se morde a cola. Pero sexa como sexa, todo debe atravesar o prisma da (re)educación. É necesario que a formación da cidadanía pase pola fase de toma de conciencia: os políticos son meros representantes da nosa vontade, que deben pulsar día a día.

Non hai ningún motivo para firmar cheques en branco. E se o facemos, debemos aternos ás consecuencias, e nós, os falsos cidadáns- osos, seremos os maiores culpables por preferir hibernar a exercer os nosos dereitos e as nosas obligacións. Teremos a democracia que queiramos. Ou unha Democracia real ou unha democracia de ovos patricios e pebleios


Todo isto non son máis que obviedades, seino, pero necesitaba verbalizalas. Ademais, é relativamente fácil soltar rollos así cando sabes que ninguén che vai ler...