<$BlogDateHeaderDate$>

Que lle queres...

Polo xeral, respeto moito a figura de Santiago Carrillo.

Tratándose dunha persoa que leva 60 anos na política seguramente se deba ó descoñecemento case absoluto da súa biografía, á que ademáis só podo chegar a través dese prisma distorsionador que é o Tempo.

Pero que queredes, sempre me gustou ese tono conciliador que transmiten polo xeral as súas declaracións. Para min, é un claro referente diso que chaman "o espíritu da Transición".

Por iso foi moi chocante escoitar esta tarde, no programa "La Ventana" de La SER, como con toda naturalidade dicía:

"Contra un sistema totalitario y opresor de las libertades, la violencia siempre estará justificada".


Sei que é unha cuestión polémica.

Persoas moi racionais poderán dicir "E se todos os demais recursos fallan ¿que pode quedar para defendernos aparte da violencia?".

E seguramente teñan razón. Pero, ¿podemos estar seguros de que nunca queda outro recurso que, quizais, se nos estea escapando, que non sepamos ver?

Non o sei, quizais sexa demagoxia, quizais inxenuidade, pero a defensa duns ideais de liberdade, por moi violento que sexa o sistema que nos oprime, non debería erixirse xamais sobre máis violencia. Esa non debe -¡¡non pode!!- ser a saída.

¿Que clase de Liberdade é aquela que necesita alimentarse de sangue para poder existir?
As épocas dos sacrificios rituais xa pasaron... ou deberían ter pasado.

Temos ademais o problema da subxetividade. ¿Cando un réxime é tan opresor que merece a pena rebelarse violentamente contra el? ¿Cando estaría xustificado usar a violencia? Porque non estamos falando de conceptos abstractos. A violencia é tanxible. Súfrese, provoca dor, de infinidade de tipos, e carraxe, e odio, e destrucción. Non é simple retórica. ¿Cando merece a pena ese sufrimento?

Estas palabras de Carrillo están na xustificación mesma de ETA, por poñer un exemplo. ¿Acaso non di estar loitando contra un réxime que oprime os seus dereitos e as súas liberdades?
Hai demasiadas cousas totalitarias no mundo. Demasiados dogmas, demasiadas regras impostas. E sen embargo, a forza bruta non é a saída.

Calquera tipo de violencia é un atallo, unha trampa. Unha proba do noso fracaso.

Evitemos eses fracasos, e non teremos que xustificalos despois con odiosas saidas de emerxencia.

Espero que avancemos, que evolucionemos, para que algún día, o que dixo esta tarde Carrillo provoque as mesmas mostras de rexeitamento que o cura valenciano que xustificou a semana pasada a violencia contra as mulleres.

Quizais sexa demagoxia. Quizais sexa inxenuidade.

Que queres.

Éche o que hai.


PostMortem: A todo isto, a afirmación de Carillo contextualizábase nunha tertulia/entrevista na que Gema Nierga entrevistaba a Puigcercós, de ERC. Este falaba da iniciativa do seu partido que pretende que se indemnice a aquelas organizacións que loitaron contra o Franquismo, incluídas as organizacións armadas.

Por outra parte, eu tampouco quero parecer dogmático. Só dou a miña opinión que seguramente sexa superficial. Se alguén como Carrillo di eso, os seus motivos terá, motivos que eu non coñezo.